Moret Art Espacio presenta 'JALISIA is my country', unha visión única de Galicia a través da mirada do soado fotógrafo coruñés Xurxo Lobato
Xurxo Lobato
Branco e negro- O Corpiño, 2010
Idioma: Galego
nexo5.com
A sala Moret Art Espacio (Olmos 12-14, 1º) inaugurará o vindeiro venres, día 14 de xaneiro, ás 20.00 horas, JALISIA is my country o último proxecto expositivo do galardoado fotógrafo Xurxo Lobato.
10 anos logo da publicación do libro "Xurxo Lobato. La mirada-encrucijada" (Biblioteca de fotógrafos españoles. Editorial Fábrica), o fotoperiodista móstranos a súa visión de Galicia hoxe, no inicio da segunda década do SXXI, a través dun percorrido integrado por 14 fotografías recollidas durante 2010 en diversos puntos da xeografía galega.
En palabras de Fernando Huici, autor do prólogo do catálogo da mostra, a exposición consitúe "un fresco que o autor edifica mediante un artificio de dobre eixo, por medio do cal desenmascara dun lado as fantasías relativas a unha terra prodixiosa, supostamente ancorada nos rituais e prácticas dunha tradición popular inmarcesible, pero á vez, en sentido inverso, non gasta menor retranca á hora de estimar o valor efectivo do prezo pagado nesa posta ao día, onde os rastros espectrales da Galicia eterna e a Galicia moderna inféctanse mutuamente".
Un proxecto que o autor desenvolveu integramente durante o ano 2010 con motivo desta mostra en Moret Art no que, en palabras da súa directora Nuria Blanco "Xurxo logrou sintetizar a nosa esencia en 14 imaxes, son pezas que destilan ironía e amor por este Sitio Distinto por igual. Sentímonos especialmente ilusionados e orgullosos por poder mostrar por primeira vez a obra de Xurxo Lobato en Galicia de xeito individual fose do circuíto institucional."
Xurxo Lobato, licenciado en Xeografía e Historia pola Universidade de Santiago de Compostela, é académico da Real Academia Galega de Belas Artes. Foi redactor xefe de fotografía de La Voz de Galicia. Na actualidade é fotógrafo colaborador do País, Getty Images e Xornal de Galicia. Dirixe o festival de Fotografía Olladas. Coordina o premio de creación fotográfica Luís Ksado da Deputación da Coruña. dirixiu cursos na UIMP, Universidade de Santiago de Compostela e no Consello da Cultura Galega. É Patrón da Fundación Castelao. Así mesmo é o autor que máis libros a ilustrado sobre sobre O camiño de Santiago. recibiu importantes galardóns, como o Premio da Crítica do Día dás Letras Galegas, e o Premio Ortega e Gasset de fotoperiodismo do diario El País,... É coautor de máis de 40 libros con autores como Gonzalo Torrente Ballester, Luís Carandell, Cesar Antonio Molina, Suso de Touro, Manuel Rivas, Ramón Villares, Francisco Fernandez del Riego, Moncho Nuñez, Flavio Morganti, Olegario Sotelo Blanco, Teresa Moure, Luís Garcia Maña, X.L. Barreiro Rivas, Caballero Bonald, X.R. Barreiro Fernández.... A súa obra forma parte das máis prestixiosas coleccións a nivel nacional, entre outras a do Museo Nacional Centro de Arte Reina Sofía, IVAM, Fundación Coca-Cola, Xunta de Galicia, e Unión Fenosa.